Thursday 28 de March de 2024

O Concello de Noia inaugura a exposición  ‘Pantoque Vía 1/ Mar de Noia’ no Museo Mar de Noia


Debuxo, escultura, pintura, fotografía e vídeo danse a man nesta mostra itinerante

O Concello de Noia ven de inaugurar a exposición de arte multidisciplinar ‘Pantoque Vía 1/ Mar de Noia’ no Museo do Mar de Noia. Neste participaron, o alcalde de Noia, Santiago Freire; a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo; a Xerente do GALP Costa Sostible, Manuela Oviedo; o artista plástico, Ramón Trigo, e o fotógrafo Eduardo Armada.
A mostra amosa o día a día dun estaleiro e dos seus traballadores a través de disciplinas como o debuxo, a escultura, a fotografía e o vídeo. Durante un ano Ramón Trigo e Eduardo Armada conviviron cos traballadores do estaleiro Armada de Bouzas de Vigo para coñecer en primeira persoa a realidade desta profesión e para atopar inspiración para unha obra multidisciplinar.

Ramón Trigo recoñece que cando empezaron esta aventura non sabían ben como remataría. “Para min todo era novo, no estaleiro todo estaba dimensionado, todo é diferente. Foi un luxo poder ser testemuña desta realidade”, apunta Trigo. Eduardo Armada encargouse de recoller o proceso creativo. Segundo as súas propias palabras, o seu traballo consistiu en “perseguir a Ramón Trigo e documentar o que alí pasaba”. Esta visión que aportan o documental e as fotografías constitúe un material único, posto que, como explica Armada, “cando ves o traballo que hai detrás dun cadro, valóralo máis”.
O alcalde de Noia subraiou que “esta exposición non implica a inauguración do Museo do Mar. Decidimos que fose este espazo o que acollese a mostra, posto que está moi vencellada á actividade naútica. Ao mesmo tempo, cremos que é unha oportunidade para dar a coñecer este emblemático edificio”. O Museo do Mar construíuse nos últimos dous anos, e inaugurará a súa colección museística –que aínda ten que completarse- nos vindeiros meses.

Museos vencellados á cultura do mar
Esta exposición está promovida no marco do proxecto de cooperación interterritorial e trasnacional Pasaporte REMA. É unha iniciativa promovida por todos os GALP galegos e financiada polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca (FEMP), que ten por obxecto a dinamización dos espazos de contido museístico atlántico.

A Xerente do GALP Costa Sostible, Manuela Oviedo, explicou que este organismo “ten como misión dinamizar as zonas costeiras, e unha das actividades para acadar este obxectivo é, precisamente, a posta en marcha desta exposición temporal para atraer á poboación local e foránea aos museos e dotalos de vida”. Pola súa banda, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, valorou moi positivamente esta iniciativa que promove a cultura do mar a través destes centros museísticos.
A mostra poderase visitar durante o vindeiro mes e medio, en horario de 11:00 a 14:00 horas de martes a sábado, e de 17:30 a 20:30 horas de martes a venres.